19.2.06

Reconsideración

Por este camiño non debemos continuar. Non nos vai levar a ningún lado escribir, sen máis, unha idea cada un. Así nunca conseguiremos enfilar a novela sen caer en contradicións.

Xa agora, a nada de comezar, creo que a estamos enleando.
Como se sostén o personaxe do Carreter este, un redactor de sucesos nun xornal que se dedica a inventar acotío historias que non son certas sen que isto non xurda efecto ningún na sociedade nin na súa empresa? Resulta demasiado inverosímil.
Tamén teño preguntas para o que eu mesma escribín: a que se dedica realmente Imma para levar vinte anos facendo o mesmo? (O do vestido é metafórico, supoño que se entenderá).
Cal é a relación que garda Carreter coa Grande Imma Colata?
E a Eladio, como imos enganchalo? Quen é? Un poeta decadente namorado de Imma? A que se dedicaba?

Creo que antes de seguirmos soltando ideas debemos responder preguntas.

Bicos da túa socia

Nidia

16.2.06

Sabañón

Neste sabañón cardíaco con que me queimas,
bailarina desaramada
do nordés atlántico
ou do húmido
trópico asasino,
abalo eu.
E ti a chanceáreste de infartos,
traidora xentil, desacompasada,
sutil funambulista...


Chegado a este punto, Eladio atrancábase, non atopaba as palabras precisas para describir con exactitude o único motivo que o empurraba cara adiante.

14.2.06

Ferruxe








Tamén ela cala. A Grande Imma Colata, diante do espello comido pola ferruxe do tempo, agocha o que lle rebenta nas tripas mentres pinta os beizos e salfire as fazulas cun mesto po de cor carne escura. Teno decidido: esta noite volverá engastar o seu corpo no vestido tras o que se leva refuxiando dende hai máis de vinte anos.

12.2.06

Silencio






Durante os primeiros días, Carreter intentou provocar a fala fluída e estentórea que se producía decote no local. Comezaba conversas banais por ver de tirar algunha historia de proveito. Pero non houbo maneira. Agora tamén cala, coma todos, e redacta os mesmos sucesos que aparecen nos máis dos xornais da cidade: unha anciá falece despois de ser atropelada polo seu neto; rouban unha gasolineira e son detidos ao quedaren sen combustible na fuxida... Nada comparado co que cada noite se debullaba no local da Imma.

3.2.06

Longa sede





Necesitou atravesar todo o deserto para se decatar da súa atracción polos camelos. Só daquela recoñeceu o que lle resultaba excitante destes animais: "unha vez subido neles e fustrigados –cavilou– non son capaz de detelos ata que atopan onde saciar a longa sede".

2.2.06

Anatomía da letra

Recomendo con paixón esta páxina que acabo de descubrir e que de seguro lles interesará aos amadores e amadoras do meu gremio.
Os autores son Josep Patau e José Ramón Penela e proporcionan unha cantidade inmensa de información sobre a tipografía e todo o relacionado con ela: a súa historia (dende os comezos ata a actualidade), un tratado sobre composición tipográfica, varios artigos e textos dos máis prestixiosos tipógrafos, así como as súas biografías...
Ofrécennos tamén unha sección denominada "Traballando con tipos", que a min me parece sinxelamente marabillosa. Aí veñen explicados polo miúdo todos os conceptos sobre tipografía cun gusto exquisito na ilustración de cada apartado.
Ao final glosan unha serie de enlaces para poder seguir afondando nesta cuestión que considero de moito interese.
Un deseño moi agradable, unha navegación sinxela e cómoda e unha atinada exposición dos contidos.

1.2.06

Teimas

Aproveito que Brétemas me sacode definitivamente o ánimo e fago algo que tiña pendente dende había algún tempo. Serve a súa solicitude de escusa para que este infixo se confirme como tal, como infixo que é e que pretende seguir sendo.

Vaian, pois, as miñas cinco teimas principais:

- Camiñar pola rúa sen pisar as xuntas das lousas. Con esta práctica deléitome sobre todo cando non vou acompañado de ninguén. Ten unha variante: cando as lousas son de distintas cores, o que pretendo é que a sola do zapato non caia ao mesmo tempo en dúas cores distintas.
- Idear un feixe de proxectos (fundamentalmente poemarios e relatos co seu contido, a súa estrutura, os seus personaxes, o seu espazo, o seu tempo...) e logo non levalos nunca a cabo por completo.
- Mercar cadernos onde anoto os proxectos e ideas de que falei antes e non rematalos tampouco. Cando me xorde un proxecto novo, necesito un novo caderno. Confeso que me provoca moita satisfacción atopar algún deles tempo despois, ordenando papeis, e autoconvencerme de que se en calquera momento o comecei, en calquera momento poderei rematalo.
- Gardar para despois do café un groliño do que estivese bebendo durante a comida. Se pode ser un bo mencía, moito mellor.
- Escoitar decontino algunha peza musical ata conseguir asubiala e así ser capaz de reproducila de oído con algún dos poucos instrumentos que se deixan maltratar por min.

Convido a entrar na roda a Cabrafanada, a Ian, a Félix, ao Fuco e a Bouzafría.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?